Yincana científica en Física e Química 2ºESO 25/26

O alumnado de 2º da ESO participou nunha actividade experimental por estacións deseñada para coñecer, explorar e comprender as propiedades da materia dun xeito manipulativo, dinámico e divertido. Organizáronse en grupos cooperativos e foron rotando por 5 mesas de traballo cun obxectivo común: investigar como é a materia e como se comporta.

Cada grupo tiña a súa ficha de rexistro onde anotaron datos, reflexións e observacións experimentais. Traballaron con rigor, creatividade e espírito científico, tal e como fan os verdadeiros investigadores e investigadoras.

🧪 As 5 estacións científicas

🟠 Estación 1 – Volumen por desprazamento (Principio de Arquímedes)
O alumnado mediu o volume de obxectos irregulares usando a auga desprazada ao mergullalos, igual que fixo Arquímedes hai máis de dous mil anos.

🟡 Estación 2 – Torre de densidades
Construción dunha torre con líquidos de distinta densidade: mel, xabrón, auga, aceite e alcohol. Aprenderon como os líquidos se colocan en capas segundo a súa densidade.

🟢 Estación 3 – Solubilidade e mesturas
Comprobouse se o cacao en po, a area e o pan relado se disolven na auga. Introducíronse conceptos como disolución, saturación e suspensión.

🔵 Estación 4 – Dureza relativa dos materiais
Realizouse un ensaio de raiado entre vidro, aluminio, madeira e moeda para comparar a dureza dos materiais de forma directa e práctica.

🟣 Estación 5 – Flotabilidade
Introduciron distintos obxectos na auga para ver cales flotaban ou se afundían, relacionando o comportamento coa densidade de cada material.

Foi unha experiencia moi enriquecedora na que o alumnado aprendeu facendo, traballou coas mans e coa cabeza, e viviu a ciencia como algo útil, real e emocionante.

También te podría gustar...