Casitas de Nadal: Matemáticas, Tecnoloxía e Arte reunidas 25/26

O alumnado de 1º da ESO está a desenvolver un proxecto interdisciplinar no que se integran Matemáticas, Tecnoloxía e EPVA a partir dun obxecto real: unha casita de Nadal que dará lugar á creación dun pequeno pobo 🛠️🏠

En Matemáticas, trabállanse a proporcionalidade, as razóns e as escalas de ampliación e redución, pasando da realidade ao plano e do plano á maqueta. Ademais, calcúlase o perímetro para saber cantos cartóns son necesarios para rodear o pobo, así como as áreas das figuras planas para estimar a cantidade de pintura necesaria. O alumnado comproba na práctica como a precisión nos cálculos é fundamental e como pequenos erros teñen consecuencias reais no resultado final.

Desde Tecnoloxía, o alumnado leva un rexistro do proceso nun documento de traballo, onde recolle os bocetos, os planos a escala, as medidas, os desenvolvementos e as decisións tomadas ao longo do proxecto. Tamén aprende a organizar e aproveitar o material, marcar pregues, cortar e montar o cartón, facendo un uso seguro e responsable das ferramentas.

En EPVA, o proxecto complétase coa decoración das casitas, traballando o uso da cor, as texturas e as referencias culturais propias do Nadal, fomentando a creatividade e a expresión artística.

Un proxecto no que o alumnado aprende facendo, traballa en equipo e entende que as matemáticas, a tecnoloxía e a arte están presentes na vida cotiá ✨

También te podría gustar...